domingo, 12 de novembro de 2017

A Coruña, outono en igualdade “Contando en feminino” polo 25N

Na Biblioteca Castrillón, pertencente ás Bibliotecas Municipais da Coruña, estivemos Contando en feminino para o público infantil e sigo a sorprenderme coa súa reacción tan de verdade. No medio da narración houbo un neno que coa súa voz inocente pediu “permiso, por favor”, entendín que tiña unha necesidade e que o seu corpo miúdo non aceptaba ningunha demora, mentres eu seguín contando e foi daquela cando deu a volta e díxome “por favor, non sigas ata que volva”, ante eso que ía facer eu? obedecín a súa petición e ocupamos o tempo facendo intercambio de opinións sobre personaxes do conto e o significado do mesmo, cando volveu sentou e con toda a educación dirixiuse a min dicindo “podes seguir”, cun sorriso nos ollos ante tamaña inocencia fixen o que me dixo. Canto agradezo vivir días tan bonitos e comprobar como as historias de igualdade e violencia de xénero son obxecto de tanta atención polo público infantil.

O ambiente era de conto, a biblioteca do Castrillón ten distintos recunchos, pequenos castros, onde a infancia atopa un espazo máxico para perderse na lectura e disfrutar de historias marabillosas onde as bibliotecarias de seguro serán as heroínas, guerreiras, fadas, inventoras... 

Ningún comentario:

Publicar un comentario