domingo, 26 de marzo de 2017

Estaremos en Órbita Ao Redor da Muller con “Miña casiña, meu lar”, en Compostela

“Miña casiña, meu lar” amosa a realidade da muller no seu entorno diario, reflicte a crúa situación das mulleres maltratadas, tanto no físico, coma no verbal, sexual, laboral, psíquico… Diferentes situacións, diferentes mulleres e unha soa actriz que dá vida a todas elas. Sempre cun eixo común, a inxusta realidade coa que se atopan, aínda hoxe, as mulleres no seu día a día. Todo esto posto enriba dun escenario para tentar concienciar ao público e promover o debate sobre o tema. 

Será o vindeiro sábado 1 de abril, ás 12:30 h. en Os Catro Gatos, no Concello de Santiago de Compostela. Evento de creación horizontal e colaborativa que se constrúe sumando experiencias e miradas femininas, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Poesía, arte, conferencias, performance, videocreación, talleres abertos de creatividade, documental, testemuñas, amigas e amigos, nun enredo convocado para gozar, compartir e sumar. Organizado por Os Catro Gatos e Olalab Acción Cultural, con entrada libre ata completar aforo.

Todas as personaxes que interpretei en escena me acompañan, personaxes que semellaban marchar cando caía o pano, pero que cavaron unha vida en min, dispostas a axudar ou destruír as personaxes que lles sucederon. Son grega, africana, siria, veneciana, rusa, brasileira, persa, romana, xaponesa, filipina, arxentina, norueguesa, coreana, alemá, austriaca, inglesa, realmente do mundo enteiro. Esa é a auténtica globalización.

Ao falar aquí non son eu. Non son unha actriz. Son só unha desas incontables personaxes grazas ás cales o teatro segue existindo. É un pouco o noso deber e a nosa necesidade. Como expresalo... nós non facemos que o teatro exista. É grazas ao teatro que nós existimos. O teatro é moi forte, resiste, sobrevive a todo, ás guerras, ás censuras, á falta de cartos. Abonda con dicir “a escena é un escenario baleiro dun tempo indeterminado” e facer entrar a un actor, ou unha actriz. Que vai facer? Que vai dicir? Van falar? O público espera, ese público sen o que non existe o teatro, non o esquezamos nunca. Unha soa persoa de público, é público. 

O teatro para min é diálogo, a ausencia de odio. A amizade entre os pobos. Non sei agora mesmo que significa exactamente, pero creo na comunidade, na amizade dos espectadores e os actores, na unión de todas ás que reúne o teatro, as que o escriben, as que o traducen, as que o explican, as que o visten, as que o decoran, as que o interpretan, mesmo, as que van. O teatro protéxenos, acóllenos... Creo de verdade que nos ama... tanto como o amamos. (Isabelle Huppert).



Ningún comentario:

Publicar un comentario