venres, 24 de febreiro de 2017

Así foi o "Día de Rosalía" en Arteixo

Este ano o Concello de Arteixo declarou o 24 de febreiro “Día de Rosalía”, con tal motivo o alumnado do Ies Manuel Murguía asistiu durante dous días con dúas sesións diarias ao espectáculo “Tecín soia a miña tea”, onde Ana Hermida fixo unha dramatización sobre a obra da poeta, nas que tamén se falou da súa vida, obra, houbo preguntas, debate, teatro, poesía… actividade organizada pola Concellería de Cultura en colaboración coas Bibliotecas do Concello. Esta mañá tivo lugar no Anfiteatro o acto central aberto á cidadanía na que se leu a súa obra por todas as persoas que libremente por alí se achegaron a homenaxear a Rosalía no aniversario do seu nacemento.

Abriu o acto Inés Ramos Álvarez, Concelleira de Servizos Sociais e da Área de Benestar Comunitario, que fixo alusión ao pleno onde se acordou declarar o 24 de febreiro Día de Rosalía no noso concello. Seguidamente Ana Hermida leu o Manifesto da AELG, que este ano redactou Ledicia Costas. A voz de Rosalía comezaba a soar nas voces do pobo, xente que ía de paseo e achegouse a ler a obra, nenos que participaron do Certame de Recitados Rosalía de Castro que se celebra cada ano organizado pola Concellería de Cultura e as Bibliotecas de Arteixo, persoas que viñan da compra e alí mesmo elixiron o poema para poñerlle voz, outras xa traían o seu libro co poema preparado, mocidade, infancia, persoas adultas… a poeta do pobo na voz do pobo.
A representación institucional estivo nas voces de Inés Ramos e da Concelleira de Cultura e Festas Ana Bello, en representación do goberno popular do Concello, que tamén leron poemas pare render homenaxe á escritora, así como a concelleira Susana Lebón, en representación do partido socialista, que fixo a súa lectura e reflexións sobre o significado de Rosalía para ela. Alfredo Ferreiro, escritor afincado en Arteixo, deu lectura ao poema Traición a Rosalía de Castro, creación a partir doutro de Rosalía, o Airiños, airiños aires. 

Pechouse o acto coa homenaxe á estatua de Rosalía en Compostela no centenario da súa inauguración, lembramos como naceu a idea, como se xuntaron os cartos, a participación do pobo, a xenerosidade e esforzo de Fraiz, a contribución do alumnado da época, os discursos, etc. Todo acompañado cunha exposición de Rosalía, da súa familia, da súa vida, da inauguración da estatua de Rosalía. Quixen estar arropupada por ela, polo que levei esa exposición da miña propiedade, como tamén quixen que estivera presente alguén moi importante e á que lle debemos moito, Helena Villar Janeiro, alí estaba o seu traballo a modo de libro infantil “Rosalía”, para que todas as nenas e nenos que quixeran, poideran ler a voz de toda unha experta en Rosalía.
O noso agradecemento a todas as persoas que participaron do acto, tanto na lectura como ao público que asistiu á homenaxe. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario